Monday 13 de May de 2024

O Pleno Municipal de Brión aproba por unanimidade actualizar as ordenanzas fiscais


O pleno aproba opoñerse á instalación dun vertedoiro en Lousame e pídenlle á Xunta que faga unha achega para ampliar a planta de compost

A unanimidade caracterizou a sesión plenaria ordinaria de outubro do Concello de Brión, xa que todos os puntos da orde do día foron aprobados co voto favorable de todos os grupos municipais. Despois de 7 anos nos que as actualizacións das distintas taxas municipais xa estaban fixadas no Plan de Saneamento Económico e Financeiro aprobado en xuño de 2009, na sesión deste ano se mantiveron cifras semellantes para así costear os servizos que se prestan no municipio.

Deste xeito e a partir do 1 de xaneiro de 2017, o coeficiente do imposto sobre vehículos de tracción mecánica pasa do 1,17 ao 1,18; o imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana actualízase nun 2% e a taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana (taxa do lixo) medra nun 2%. O custe do servizo de recollida do lixo en Brión para 2017 ascenderá a 359.613 euros, dos que 342.936 euros serán financiados a través desta taxa. Por outra banda, a taxa pola subministración de auga reducirase nun 0,10%, de acordo coa baixada do IPC interanual de agosto 2015 a agosto 2016.

Planta Lousame

Na quenda de mocións, aprobouse por unanimidade unha proposta do BNG para opoñerse á instalación dun “Centro de Xestión Ambiental que en realidade agocha un vertedoiro de máis de 700.000 toneladas”, explicou Xosé Luís Penas Corral. O alcalde de Brión, José Luís García, apoiou a moción nacionalista, “especialmente despois de ler o informe do técnico municipal de Lousame que inclúe defectos incribles no proxecto”.

Porén, García solicitou engadir un segundo punto á moción pois “ademais de opoñernos á instalación do Centro de Xestión Ambiental promovido pola empresa Gestora de Residuos del Noroeste SL, queremos solicitar o mantemento da planta de tratamento de residuos sólidos urbanos da Mancomunidade e engadir que se cumpra a Lei de Residuos de Galicia e se acheguen cartos para ampliar a planta de compost”. O engadido foi admitido e a moción se aprobou por unanimidade.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do edil non adscrito, Xesús Pena Espiña, no que se insta á Consellería de Educación a dar unha solución aos problemas coa empresa de cátering encargada do servizo de comedor da escola unitaria dos Ánxeles. “A comida é escasa, pouco equilibrada, chega fría e a calidade deixa moito que desexar”, apuntou Pena Espiña, quen indicou que “a empresa xa ten aberto un expediente e recibiu tres sancións” da Xunta.

Todos os grupos municipais estiveron de acordo con apoiar as xustas reclamacións do Consello Escolar e da ANPA da unitaria dos Ánxeles e interceder diante da Xunta para tratar de solucionar o máis axiña posible este problema. Neste sentido, José Luís García lembrou que “no mes de xuño a ANPA Rosalía de Castro dirixiuse ao Concello para pedir o noso apoio e o Concello requeriulle á Xunta que responda ás demandas da ANPA e que convocara unha licitación para o servizo do curso 2016/2017”.